Carlos Fernández valora a receptividade que empeza a mostrar a conselleira e espera que o diálogo fructifique, como sucedeu no anteproxecto de lei de Vivenda
Recorda a Táboas que en maio do 2007 a federación xa advertira da inxerencia das normas na autonomía local.
Santiago.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde de Ames, Carlos Fernández, rexeitou as acusacións de “mala intención” nas discrepancias manifestadas polos concellos ás Normas do Hábitat, tal e como hoxe afirmou a conselleira de Vivenda, Tareixa Táboas.
Fernández reiterou que, as diferencias da Fegamp respecto ao decreto se cinguen estrictamente ao ámbito municipal, ao considerar que teñen efectos lesivos para autonomía local.
O alcalde de Ames matiza á titular de Vivenda e lembra que a federación municipalista xa informara ao seu departamento, en maio de 2007 cando aínda el non era presidente da Fegamp, de que o texto podía “atacar á autonomía local” e que “ en algúns preceptos se opón ao Pacto Local”.
O presidente da Fegamp reitera que o organismo municipalista se mantivo aberta ao diálogo de xeito permanente, e recorda que por esta vía se chegou a un acordo para a modificación do anteproxecto de lei de Vivenda en 29 artigos e 1 disposición.
Carlos Fernández lamenta que Táboas teña recoñecido que non quixo no seu día atender a solicitude de entrevista dos alcaldes, entre eles o presidente da Fegamp.
“Os concellos que me acompañaban, dixo, representaban ás cidades e vilas dos cintos urbanos, aqueles municipios de maior desenvolvemento e máis afectados pola tensión urbanística. En definitiva, onde máis incidencia van ter as normas”.
O alcalde de alcaldes recolleu a oferta da conselleira, e afirmou que non habería problemas para incrementar a delegación municipal se esto contribúe a tender pontes de diálogo sobre este asunto.
Sempre na procura do entendemento
O presidente da Fegamp explicou que, o organismo municipalista, mantivo sempre unha actitude dialogante tanto no relativo ás Normas do Hábitat, como con calquera outro asunto a resolver con outras administracións. “Porque este é o principio polo que nos rexemos”, apuntou.
Así Carlos Fernández detallou que antes de iniciar o contencioso se intentou explicar a posición dos alcaldes á conselleira, que á espera de que se emprace á Fegamp a formalizar a demanda “aínda albergamos esperanzas de que esto non sexa necesario”. De tódolos xeitos, de continuar o trámite xudicial a Fegamp, en función do resultado do contencioso se prestará a cantas negociacións sexan precisas.
O presidente da Fegamp confía en que a receptividade que hoxe expresou a conselleira Táboas se plasme nunha senda de diálogo que dea froitos semellantes aos acadados para a lei de Vivenda.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada