Santiago, 07 de xullo de 2008. O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde de Ames, Carlos Fernández, e o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, veñen de asinar un convenio de colaboración en nome das entidades que presiden para a realización do curso de Verán Novas Fronteiras na Igualdade de Oportunidades : Emprego Significativo, impartido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).
En virtude do documento asinado, o concello de Lalín, lugar onde se celebrará a cuarta edición deste curso, contribuirá a sufragar parte dos gastos da súa posta en marcha, mentres a Fegamp, a través da Escola Galega de Altos Estudos Locais (EGAEL), achegará a cantidade de 6.000 euros, dos que 4.500 euros se destinarán a sufragar parte dos gastos de matrícula do alumnado pertencente á administración local. O diñeiro restante destinarase a outros gastos do curso.
O IV curso de verán Novas Fronteiras na Igualdade de Oportunidades: Emprego Significativo pretende unha aproximación ao emprego significativo desde os procesos de toma de decisións, inserción e conciliación da vida familiar, persoal e profesional e desde as problemáticas específicas da diversidade.
O emprego significativo implica que o traballo a realizar teña relación directa coas competencias adquiridas pola persoa empregada, tanto en relación á competencia profesional como ao seu nivel de cualificación e en igualdade de oportunidades.
Os alumnos e as alumnas do curso afondarán no coñecemento da situación en canto aos recursos que contribúen a facer posible que a cidadanía acabe a inserción laboral nun emprego que lles sexa significativo. Explorarán os procesos de toma de decisións que axudan, sobre todo á poboación máis nova, a buscar a acomodación dos seus intereses, capacidades e habilidades na busca de emprego.
O curso tamén inclúe a análise do modo, o tempo e as dificultades que ten a cidadanía, especialmente as mulleres, para acceder ao emprego significativo ben sexa por primeira vez, na busca da mellora profesional ou logo dun período de inactividade.
O curso contará con case un centenar de participantes e desenvolverase do 8 ao 11 de xullo. O presidente da Fegamp, Carlos Fernández, confirmou a súa asistencia á clausura do mesmo.